DefendeMos organiza a resistencia fronte á nova A52

Mos. 14 de xaneiro. Os veciños de Mos mobilízanse para frear o proxecto da nova autovía A52 Vigo-O Porriño, que consideran unha ameaza directa para o seu territorio e a subministración de auga potable. Esta mañá celebrouse no salón de sesións do Concello a primeira reunión da Comisión de Seguemento do operativo, onde veciños, asociacións parroquiais e a plataforma DefendeMos definiron os pasos a seguir nesta loita.

Un dos principais problemas identificados é o impacto do trazado nas traídas de augas das parroquias afectadas: Sanguiñeda, Petelos, Tameiga e Pereiras. Considerase que a nova autovía prexudicaría alomenos oito traídas, incluíndo pozos, tuberías e captacións de auga. Desde a plataforma DefendeMos insisten en que esta infraestrutura pon en grave perigo o acceso á auga de centos de familias.

A alcaldesa da vila, Nidia Arévalo, explicou que “esta vai ser a primeira moción de moitas, imos estar de novo na batalla para paralizar este proxecto garrafal para Mos e vai ser un movemento encabezado polos veciños e nós, goberno e BNG, ao seu carón para que non se vexa ningún tinte nin interese político, sen máis bandeira que a bandeira de Mos e a defensa dos seus intereses”.

Arévalo tamén destacou que o proxecto afectará de forma directa máis de 100 familias, con graves impactos sobre vivendas, solos urbanizables e infraestruturas municipais, como a pasarela peonil de Amieirolongo e sinalou: “Non permitiremos que ninguneen, pisoteen e devasten de novo o noso territorio”.

Durante a reunión, organizáronse grupos de traballo voluntarios para recoller alegacións veciñais e marcáronse as datas e lugares nas parroquias onde se recollerán estas firmas. Ademais, xa se fixou a próxima xuntanza da Comisión para o 21 de xaneiro, cando se presentará un informe técnico sobre o proxecto.

As asociacións empresariais de Mos, como AEMOS, BaRES Mos e ACeS Mos, tamén foron convidadas a colaborar nesta mobilización, mentres que o Concello puxo a disposición da veciñanza toda a información sobre o proxecto a través da súa web oficial e nas oficinas de Urbanismo.

A  loita contra macroproxectos 
Conflitos veciñais similares repítense en todo o mundo cando as grandes infraestruturas ameazan comunidades locais. En España, a ampliación da AP-9 en Redondela ou o AVE en Asturias xeraron gran oposición cidadá. A nivel internacional, proxectos como o gasoduto Keystone XL en Estados Unidos e a autoestrada East-West Link en Australia simbolizan a resistencia das comunidades contra iniciativas que consideran prexudiciais para o seu medio de vida e o medio ambiente.

Compartilo:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *