O Porriño. 29 de xaneiro. As comunidades de augas locais do Porriño recibirán un total de 175.000 euros en axudas para mellorar a calidade do servizo e optimizar as súas instalacións. Estes fondos permitirán reforzar o control sanitario, mellorar a rede de distribución e cubrir gastos de mantemento das traídas veciñais.
As subvencións, correspondentes á convocatoria de 2024, divídense en dúas liñas principais. A primeira está destinada ao mantemento e inclúe reparacións, substitución de redes de distribución de ata 50 metros e gastos relacionados coas analíticas de control sanitario, conservación e almacenamento da auga. A segunda liña cobre investimentos maiores, como a renovación de redes de máis de 50 metros e outras melloras estruturais. Cada comunidade pode recibir ata 8.000 euros por liña, cun máximo total de 12.000 euros, sempre que non supere o 80% do custo do proxecto.
O concelleiro de Parroquias, Marcos Martínez Campos, destacou a importancia destas axudas para garantir o acceso a unha auga de calidade: “É fundamental apoiar ás traídas para que poidan prestar o mellor servizo posible aos nosos veciños. Estes investimentos non só melloran a calidade da auga, senón que aseguran un abastecemento seguro e sostible”.
Todas as comunidades que completaron o expediente recibiron axuda, beneficiando así a zonas como Cruz, Vitureira, Casal-Chan-Orbelle, Rozadas-Eiris, Cans, Contrasto, Bouza, San Jorge de Mosende, Covelo, Atios, Carracido, Chenlo, Torneiros, Mosteiro, O Cerquido, Vaquería, A Devesa, Centeáns e A Graña.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, asegurou que este tipo de apoio continuará nos próximos anos para garantir a cobertura do maior número posible de traídas veciñais. “Seguiremos apostando por estas convocatorias de axuda nos próximos anos, para que ningunha traída veciñal quede atrás”, sinalou o rexedor.
Estas subvencións son impulsadas polo Concello, que reafirma así o seu compromiso co abastecemento de auga e a optimización dos recursos hídricos dispoñibles.
Auga en perigo en España e no mundo
A nivel estatal, moitas traídas veciñais enfróntanse a dificultades derivadas da seca, a contaminación e a falta de financiamento. Segundo datos oficiais, preto dun 20% da poboación rural depende de sistemas privados de abastecemento, moitos dos cales requiren melloras urxentes.
Fóra das nosas fronteiras, a crise hídrica global agrávase. Nacións Unidas estima que para 2030 a demanda de auga doce superará a dispoñibilidade nun 40%, afectando especialmente a rexións como o Sahel, o suroeste de Estados Unidos e o sueste asiático.