O Porriño. 31 de xaneiro. O equipo de estudantes do IES Ribeira do Louro proclamouse gañador do prestixioso concurso internacional de emprendemento International Dragon’s Den, celebrado o pasado 20 de novembro en Malmö, Suecia. Beatriz Samunto, Nuria González, Noa Rodríguez e Sergio Lage alzáronse co primeiro premio grazas ao seu innovador proxecto Greenpocket Solutions – Eco Snack Bag, unha proposta sostible para reducir o impacto ambiental das cáscaras de froitos secos.
Onte, os mozos recibiron unha homenaxe nun acto de honra celebrado no Salón de Plenos da Casa Consistorial, onde foron recoñecidos pola súa dedicación e talento. Durante o evento, os estudantes presentaron o seu proxecto ante o público, expoñendo as características da súa idea de negocio e o impacto que pode ter na redución de residuos.
A Concelleira de Educación, Carolina González , destacou a importancia deste logro: “É un orgullo para O Porriño contar con estudantes tan talentosos e comprometidos coa innovación e a sostibilidade. Este premio demostra que o esforzo, a creatividade e o traballo en equipo son claves para o éxito”.
No acto tamén interviñeron Juana Rosa Muñoz, directora do IES Ribeira do Louro, Lorena Abreu, vicedirectora e coordinadora de Internacionalización, e os docentes que guiaron o alumnado na súa participación no certame, Olga González e Carlos Segade. O recoñecemento culminou coa intervención do alcalde, Alejandro Lorenzo, quen puxo en valor a importancia de apoiar iniciativas educativas que fomenten o emprendemento: “Hoxe recoñecemos un éxito que transcende as aulas e pon en valor a calidade do ensino no noso municipio. Estes estudantes demostraron que, con esforzo e visión, podemos competir a nivel internacional e destacar pola nosa capacidade innovadora”.
O Conselleiro de Educación, Román Rodríguez , pechou o acto subliñando o papel fundamental da educación: “O esforzo individual e o traballo en equipo acaban dando froitos, e este éxito é un reflexo do talento e da dedicación do noso alumnado”.
O certame International Dragon’s Den, organizado polo Affärsgymnasiet, unha recoñecida escola de negocios de Suecia, reuniu nesta edición 22 equipos de 10 países. O xurado destacou a capacidade do equipo galego para identificar un problema ambiental concreto e ofrecer unha solución sostible cun plan de negocio ben estruturado.
O evento foi promovido polo Concello do Porriño, que organizou o acto de recoñecemento aos gañadores.
O boom do emprendemento xuvenil
O emprendemento xuvenil está en auxe en España. Segundo datos do Global Entrepreneurship Monitor (GEM), o 6% dos mozos de entre 18 e 24 anos xa iniciaron o seu propio proxecto empresarial, unha cifra que crece grazas ao apoio de iniciativas educativas. No ámbito internacional, países como Suecia e Alemaña lideran a incorporación de programas de emprendemento nas escolas, facilitando que as novas xeracións adquiran habilidades clave para o mercado laboral do futuro.