Alarma pola nova proposta da autovía Vigo-Porriño

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse este xoves cos voceiros da Corporación Municipal e con representantes veciñais para abordar a polémica en torno ao novo trazado da autovía Vigo-Porriño.

As xuntanzas celebráronse no Concello, coa participación de técnicos municipais e dos portavoces do PSOE e BNG, co obxectivo de analizar as consecuencias dunha proposta que cualificaron de “devastadora” para o municipio.

Un trazado controvertido e a mobilización veciñal

Arévalo denunciou que o Ministerio de Transportes non informou ao Concello de Mos sobre os cambios no proxecto, ao contrario do sucedido con Vigo, que obtivo un trazado adaptado ás súas demandas. A modificación elimina o trazado consensuado en 2015, incluído no PXOM mosense, en favor dunha alternativa que, segundo a rexedora, aumenta a afección no territorio.

Para facer fronte á situación, reactivarase a plataforma veciñal DefendeMos, que liderará accións como recollidas de firmas e mobilizacións. Ademais, convocaranse novas reunións no Multiusos das Pozas coas parroquias máis afectadas: Sanguiñeda, Petelos e Tameiga.

Desde a Corporación Municipal trabállase nunha moción conxunta que será debatida no pleno do 30 de decembro. A alcaldesa tamén reiterou a demanda de liberar a peaxe no tramo Puxeiros-Porriño da AP-9 e recuperar o trazado en túnel aprobado no PXOM, considerando esta alternativa menos lesiva e máis económica.

Compartilo:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *