O Concello culminou a renovación da parada de autobús na entrada do IES Pino Manso, unha intervención moi esperada pola comunidade educativa.
A nova estrutura, feita de aceiro inoxidable e cun deseño moderno que imita madeira e tella, substitúe á antiga, completamente deteriorada. Este proxecto, cun investimento superior aos 16.000 euros, busca garantir maior seguridade e comodidade para o alumnado e o persoal.
Melloras nas parroquias
Ademais, realizáronse reparacións noutras doce marquesiñas en Atios, Budiño, Mosende e Pontellas, enfocadas na restauración dos tellados para protexer aos usuarios das inclemencias meteorolóxicas. Estas actuacións sumaron máis de 18.100 euros.
O alcalde Alejandro Lorenzo destacou a importancia de responder ás demandas veciñais e reafirmou o compromiso do Concello coa mellora das infraestruturas públicas.