Un novo pulmón verde transformará o centro

O Porriño. 3 de marzo. As rúas Pío XII, Domingo Bueno, Ramón González e Antonio Palacios comunicarán de maneira directa e accesible no centro do Porriño grazas ás obras iniciadas este 2 de marzo de 2026 para crear un novo espazo público que revitalizará a zona e mellorará a mobilidade e a convivencia veciñal.

O centro do Porriño acolle xa os traballos do proxecto denominado “Novo espazo público na contorna da rúa Pío XII”. A actuación permitirá intervir en máis de 4.000 metros cadrados e transformar antigas zonas de aparcamento e parcelas residuais nun parque integrado na rede de espazos públicos do municipio.

O proxecto contempla a creación de zonas de descanso e reunión, gradas que funcionarán como anfiteatro para actividades culturais e áreas de xogo infantil cubertas e adaptadas a diferentes tramos de idade. Tamén inclúe unha zona de auga con fontes secas e canles decorativas, así como a plantación de especies autóctonas que combinarán árbores caducifolias e arbustos para xerar sombra e fomentar a biodiversidade. A actuación completarase coa instalación de novo mobiliario urbano e iluminación eficiente.

O novo parque conectará de maneira fluída as rúas Antonio Palacios, Domingo Bueno, Pío XII e Ramón González. O deseño incorpora itinerarios adaptados que unirán o centro social co novo espazo, co obxectivo de facilitar o acceso a persoas de todas as idades e capacidades.

Máis de 2,1 millóns de investimento

A intervención supón un investimento global superior aos 2,1 millóns de euros. Máis de 1,1 millóns son achegados pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, mentres que o resto procede de fondos municipais, segundo o convenio formalizado entre ambas administracións.

Durante a execución das obras poderán producirse molestias puntuais na contorna. Unha vez rematados os traballos, o novo espazo permitirá gañar zonas verdes, mellorar a accesibilidade e reforzar a actividade social, cultural e comercial do centro urbano.

Compartilo:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *