O Porriño reúne a mesa local contra a violencia de Xénero

Reunión
O Porriño, 11 de maio de 2026. A Mesa Local contra a Violencia de Xénero do Porriño, na que se atopan representados todos os axentes que actúan no municipio, reuniuse hoxe para abordar de maneira conxunta diversos temas relacionados coa atención ás vítimas e a prevención da violencia machista. A mesa estivo presidida polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e integrada por representantes da corporación municipal, corpos e forzas de seguridade adscritos ao sistema VioGén (Garda Civil e Policía Local), do centro de saúde, Subdelegación do Goberno, representantes dos centros educativos, de Servizos Sociais e do CIM. Esta mesa, que se reunirá polo menos cada seis meses en sesión ordinaria, estará aberta á participación doutro persoal técnico do Concello no caso de que se requira a súa presenza, e tamén a unha persoa en representación de cada un dos partidos políticos con representación na corporación municipal que amosen interese e soliciten a súa participación na mesma. A reunión técnica tivo como eixe principal a coordinación interprofesional e a análise da efectividade das intervencións. Tras revisar os datos de denuncias e medidas de afastamento, os participantes sinalaron como prioridades a prevención, a detección temperá e o control dos casos de maior vulnerabilidade. Neste sentido, no municipio, dentro do Programa VioGén existen 55 casos activos (6 en risco medio e o resto en baixo), con 28 ordes de protección. Na provincia de Pontevedra son 1935 casos activos. Explicouse que no último ano aumentou en todo o partido xudicial o número de denuncias, de 94 a 115, “o que é un bo dato, xa que quere dicir que a información e os medios de protección están chegando ás vítimas”. Alejandro Lorenzo, rexedor do Porriño, definiu este espazo de traballo como unha ferramenta clave para “adaptar os procedementos ás necesidades reais das vítimas”. O alcalde fixo un chamamento á implicación colectiva e á importancia de denunciar, “non só se sofren violencia machista, senón se coñecen algún caso na súa contorna”, e recoñeceu o labor fundamental que desenvolven diariamente os sectores sanitario, educativo e policial na protección das mulleres.
Compartilo: