Regresa o X Miúdo Fest: os mellores espectáculos infantís e familiares con acceso de balde 

teatro
Mos, 12 de maio de 2026.– O Miúdo Fest chega á décima edición e, para celebralo, a Comunidade de Montes de Tameiga, organizadora do evento, prepara unha edición máis extensa, con máis días de actuacións, novos recintos e os mellores espectáculos para público infantil e familiar de Galicia. E todo, con acceso completamente gratuíto.
O X Miúdo Fest celébrase desde este martes 12 ata o domingo 17, ambos incluídos, combinando funcións en centros educativos con concertos e actividades abertas a todo o público durante a fin de semana. Así, a Comunidade de Montes de Tameiga consolida ao Miúdo Fest coma un festival ideado para achegar as artes escénicas e a música ao público infantil, escolar e familiar.
A fin de semana, para todos os públicos
Os espectáculos abertos ao público comezan con teatro este venres 15, na Sala Rebullón. Ás 18 horas, e con entrada de balde, o grupo de teatro do IES de Mos representará o clásico Hamlet. Versionarán unha das obras máis famosas da literatura universal, a traxedia de Shakespeare na que o príncipe Hamlet busca vengar o asasinato do seu pai a man.
O sábado 16, no escenario exterior da Sala Rebullón, no CSCD As Pedriñas, o público poderá gozar de dous espectáculos. Con acceso de balde, ás 17 horas actuará Peter Punk. É un dos artistas máis recoñecidos polo seu estilo irreverente e próximo, sempre combinando xogos, acrobacias e gags musicais nun espectáculo cheo de ritmo e interacción constante co público
Ás 18 horas, Cé Orquestra Pantasma, o proxecto unipersoal do vigués César Freiria, músico autodidacta e apaixonado dos instrumentos, que leva anos percorrendo a xeografía galega con máis de cento cincuenta concertos anuais nos mellores festivais e festas do país. No seu espectáculo, este “home orquestra” repasa toda a música popular —desde a tradicional ata o punk— nun repertorio versátil e cheo de referencias, capaz de animar tanto a cativada como ás persoas adultas cunha posta en escena única.
E o domingo 17 de maio, desde as 19 horas, Uxía Lambona e a Banda Molona. A banda pechará o festival por todo o algo cunha tarde de música entre clásicos populares da tradición galega con estilos modernos como rap, rock e ritmos bailables. Cancións pensadas para que a cativada e as familias canten e bailen, compartindo unha tarde de música en galego nun ambiente festivo.
O Miúdo en centros educativos
Para achegar as artes escénicas e a música á rapazada, o X Miúdo Fest organiza unha serie de actividades co alumnado de distintos espazos de educación Infantil, Primaria e Secundaria de Mos.
Así, este martes 12, a singjay viguesa High Paw amosará todas as súas caras musicais, desde o reggae ao rub-a-dub e o hip hop, na Sala Rebullón co IES de Mos. O mércores 13, O Baúl da Tía Tola levará o espectáculo “Tilintilonia” á Escola Infantil Coto Torrón (novo espazo nesta edición aniversario) e Brais das Hortas presentará a súa “Comisión de festas” no CEIP Pena de Francia, centro co que o Miúdo repite colaboración.
E por último, o xoves 14, a Sala Rebullón recibirá a Unha señora orquestra co alumnado de 3º da ESO do IES de Mos, unha viaxe polas raíces migrantes da artista, que combina ritmos globais cunha mirada feminista e cargada de humor.
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa  versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes de Tameiga
Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
Compartilo: