Os propietarios de fincas colapsan ante os requerimentos de limpeza

O Porriño. 9 de xaneiro. A ameaza de multas por non limpar fincas no Porriño está a levantar máis dun quebradeiro de cabeza entre os propietarios, tras o envío masivo de 5.000 notificacións por parte do Concello. A medida esixe a limpeza das parcelas nun prazo de quince días, o que está a xerar longas esperas no servizo de atención ao rural, onde moitas persoas deben agardar máis dunha hora para obter os documentos necesarios.

Ante esta situación, o portavoz socialista, David Alonso, anunciou que o PSdeG-PSOE ofrecerá axuda aos afectados. “Podemos cubrir e presentar os modelos necesarios para prórrogas, titularidade ou o inicio e fin de tarefas de limpeza. Ademais, asesoramos en casos máis complexos, como discrepancias catastrais ou a identificación das parcelas afectadas”, explicou Alonso.

O portavoz tamén criticou que o Concello aínda non puxese á disposición dos veciños un modelo de solicitude de prórroga na web municipal, malia que se solicitou no último pleno. Segundo Alonso, a falta de previsión do goberno local está a complicar a vida dos propietarios e advertiu que “Non cumprir co requirimento pode supoñer sancións de ata un millón de euros en caso de incendio. É irresponsable animar os veciños a esperar ata maio”.

Os socialistas consideran que o Concello debería ofrecer ferramentas que simplifiquen os trámites para cumprir coa normativa e evitar posibles sancións.

Galicia, ameazada polos incendios

Cada ano, Galicia enfróntase á devastación causada polos incendios forestais. A falta de limpeza de fincas e terreos abandonados aumenta o risco de propagación do lume. En 2023, a comunidade perdeu máis de 10.000 hectáreas a causa dos incendios. As medidas de prevención son fundamentais, pero moitos propietarios denuncian a falta de apoio para cumprir coas normativas, agravando un problema que require maior coordinación e recursos.

Compartilo:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *