Un xamón para os mellores disfraces do Entroido

Salceda. 11 de febreiro. O XXVI Desfile de Carrozas e Comparsas de Salceda celebrarase o domingo 2 de marzo de 2025 ás 17:00 horas. Se o tempo non acompaña, trasladarase ao 9 de marzo. As agrupacións partirán da Praza da Devesa e percorrerán varias rúas ata rematar en Doutor Zunzunegui. As carrozas deberán estar listas entre as 15:30 e as 16:30, e calquera atraso reducirá a axuda económica en 5 euros por minuto.

Poderán participar todas as comparsas con polo menos 15 integrantes e constituídas legalmente como asociacións. O prazo de inscrición abrirase o 10 de febreiro para as agrupacións locais e o 17 para as de fóra, pechando para todos o 23 de febreiro. As inscricións realizaranse unicamente a través da sede electrónica municipal.

O desfile premiará ás mellores comparsas cun xamón en distintas categorías, desde a mellor coreografía ata o mellor maquillaxe ou a temática máis orixinal. Ademais, haberá un pagamento por participación que pode chegar ata os 900 euros dependendo do número de membros e da modalidade elixida. O orzamento dispoñible é de 11.000 euros, e as axudas repartiránse por orde de inscrición ata esgotar os fondos.

Para garantir o bo funcionamento do evento, establécense normas estritas: queda prohibido o uso de petardos, bengalas ou obxectos perigosos, así como a presenza de animais. As carrozas deben manter unha velocidade constante sen deter o desfile e levar os altofalantes cara aos seus propios compoñentes. A música a un volume excesivo poderá ser regulada pola organización.

O luns 24 de febreiro ás 19:00 horas celebrarase unha reunión obrigatoria na Casa da Cultura Castelao, onde se decidirá a orde de saída das comparsas en función da orde de inscrición. Ademais, todas deberán elaborar coplas que serán recitadas na Praza do Concello ao finalizar o desfile. A falta de participación nesta actividade reducirá a axuda económica nun 50%.

Esta edición do desfile está organizada pola Concellaría de Cultura.

🔎 O negocio do Entroido en España e no mundo

O Entroido, ademais de festa, é un motor económico. En España, Cádiz e Tenerife mobilizan millóns de euros en turismo e comercio. No 2023, o impacto económico do Entroido de Tenerife superou os 35 millóns de euros, cunha ocupación hoteleira do 90%. O de Cádiz move cada ano máis de 10 millóns.

A nivel internacional, o Entroido de Río de Xaneiro é o máis lucrativo, con ingresos superiores aos 800 millóns de dólares en 2023, mentres que o de Venecia, con 3 millóns de visitantes anuais, xera uns 270 millóns de euros.

Compartilo:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *