Reactivan a busca de desaparecidos de 1936

Salceda. 4 de marzo. A II Fase de Exhumación da Foxa de Soutelo busca localizar os restos de cinco homes represaliados durante a Guerra Civil no adro da igrexa da parroquia de Soutelo, en Salceda de Caselas, previsiblemente a partir do mes de abril, co obxectivo de completar a recuperación das vítimas desaparecidas en setembro de 1936 e permitir ás súas familias darlles un enterramento digno.

A segunda fase desta intervención céntrase en atopar os restos de cinco homes que non foron localizados na primeira escavación, realizada en xuño do pasado ano nun dos laterais do adro da igrexa. Naquela actuación apareceron dous dos sete represaliados que se investigan. Os traballos estarán dirixidos polo arqueólogo responsable das obras e contarán coa colaboración da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña.

Catro das persoas que aínda non foron atopadas poderían ser veciños do Porriño: Severo Boente, José Cordal, Ramón Pérez e Leoncio Muíños. O quinto desaparecido sería Modesto Barreiro Cubillos, veciño do Torroso, en Mos. A investigación baséase en testemuños orais da veciñanza da parroquia e na documentación recompilada polo historiador X. Ramón Paz Antón.

O proxecto foi presentado pola Concellaría de Cultura a finais de 2025 á Federación Española de Municipios y Provincias no marco do “VI Plan de Recuperación de Memoria Democrática 2025-2026”. A iniciativa recibirá unha axuda de 12.500 euros para completar a exhumación iniciada o pasado ano.

A alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, sinala que “este proxecto supón un avance coa recuperación da Memoria Histórica e a dignificación das vítimas e o dereito dos seus e das súas parentes a recuperar os seus restos despois de tantos anos, para lles poder dar un enterramento digno”.

Un proceso de recuperación en dúas fases

A intervención forma parte dun proceso iniciado en 2025 para esclarecer o paradoiro de sete represaliados da Guerra Civil soterrados no adro da igrexa de Soutelo. A primeira fase permitiu recuperar dous corpos, mentres que esta segunda actuación pretende completar a localización dos cinco restantes, incorporando novos testemuños e documentación histórica.

A actuación conta co apoio institucional do Concello de Salceda de Caselas, que impulsou a solicitude de financiamento, e coa colaboración da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña. O desenvolvemento dos traballos permitirá avanzar na identificación das vítimas e ofrecer unha resposta ás familias afectadas.

Compartilo:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *